martes, 8 de marzo de 2011

Curiosidades do Entroido Vigués

Dende a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, como parte organizadora do Entroido da cidade de Vigo, querémosvos explicar algunhas das particularidades do Entroido da nosa cidade.
O Entroido 2011 continúa coa recuperación das vellas tradicións. Pouco a pouco vanse incorporando novos elementos como a Grandiosa Comparsa, integrada pola Comitiva Rexia e a comitiva do Deus Momo, que percorren o Casco Vello e a contorna da praza de Compostela, lugar que daquela se convertía no centro de todas as cerimonias.


Os Merdeiros
Chegado o entroido, os mariñeiros da bisbarra de Vigo transformábanse en Merdeiros coa intención de expresar con máis forza as súas xenreiras co labregos. Para iso acostumaban a vestirse ao xeito de Escabicheiro (persoa do rural que recollía o escabiche e baleiraba os pozos-negros da cidade para estercar os seus campos) ridiculizando aqueles elemntos do traxe e aparellos máis significativos: o pucho, os símbolos e o farol; e esaxerando o seu comportamentos social tremendamente anárquico.
O Serán
Conécese como serán a unha celebración festiva que, noutrora, era organizada polas mulleres dalgún barrio ou aldea coa finalidade de interrelacionarse con mozos doutras comunidades veciñas. Nestas celebracións, eran as mozas da propia aldea as que se repartían en pequenos grupos (dúas ou tres) para facer música, acompañadas de pandeiretas; as restantes quedaban libres para bailar cos mozos da propia aldea ou chegados doutras mási ou menos próximas. Antropoloxicamente, este tipo de celebracións propiciaban a relación entre as diferentes comunidades evitando así a endogamia.






No hay comentarios: