miércoles, 23 de diciembre de 2009

I Trofeo de petanca


A Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo celebrou o pasado 19 de decembro o seu I Trofeo de Petanca. O torneo disputado no campo da petanca de Bembrive, comezou na mañá do sábado coas rondas de clasificación, deixando para a tarde as rondas finais.

No torneo participaron máis de 50 xogadores repartidos en 16 equipos no que se puido desfrutar de un bo ambente e un alto nivel dos participantes a pesar das xélidas temperaturas pertrechadas ó longo de toda a xornada.

Á conclusión do torneo procedeuse á entrega dos premios que contou coa presenza do concelleiro de Participación Cidadá, Santos Hector, o concelleiro popular Pablo Beiro, o Alcalde pedáneo da Entidade menor local de Bembrive, Benito Pérez e o noso presidente da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, Roberto Giráldez.

Unha vez rematado a entrega de premios, a Agrupación conviduou a todos os presentes a tomar un viño acompañado de diversos pinchos.

viernes, 20 de noviembre de 2009

ACDC Premio Provincial á Cultura 2009

O 19 de Novembro a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo recibiu de mans do Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Chema Figueroa o Premio Provincial á Cultura 2009 no apartado de "Traxectoria Cultural".

Este premio ven a recoñecer toda a traxectoria levada a cabo pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais durante as dúas décadas que leva en activo traballando sen outro interese maior que polo fomento e diversificación da cultura entre a sociedade viguesa.


É un recoñecemento moi significativo para a Agrupación que foi recollido polo presidente Roberto Giráldez quen aproveitou para agradecer e destacar publicamente o incansable labor que desenrolaron os anteriores presidentes e as súas respectivas executivas. Tamén non quixo deixar escapar a ocasión para agradecer á Deputación de Pontevedra a súa decisión de premiar a Agrupación e de seguir apoiando firmemente polo fomento da cultura.


A gala celebrouse no Salón Regio da Deputación de Pontevedra e contou con numerosas personalidades, especialmente do ámbito político e cultural.

viernes, 14 de agosto de 2009

Benvida do Presidente


Estimad@s amig@s:

Quero darvos a benvida a este blog da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo. Deste xeito queremos publicitar e dar a coñecer a nosa federación utilizando as novas tecnoloxías para acadar a maior difusión posible.

Se xa pertencedes a esta agrupación, quero pedirvos a vosa colaboración para encher de contido esta nova canle de comunicación.

Se non coñecedes a agrupación quero animarvos a que o fagades, tanto a nós como a calquera das vinte entidades que a día de hoxe a conforman.

O noso propósito é que os fins desta agrupación, promoción e difusión da nosa cultura e do deporte, cheguen a sociedade en xeral defendendo sempre os intereses dos nosos asociados.

Sen outro particular, aproveito a ocasión para saudarvos atentamente.

Roberto Giráldez Barbeitos
Presidente